Sunday 28 de April de 2024

O pleno de Brión aproba unha modificación de crédito para compensar á firma propietaria de dúas parcelas na urbanización Villa Amalia


A corporación de Brión aprobou por unanimidade, nun pleno extraordinario, unha modificación de crédito para compensar á empresa Multiocio, propietaria desde 2007 de dúas parcelas na urbanización Villa Amalia, que a día de hoxe está en mans do Sareb por mor da creba da empresa promotora.

A compensación ascende a 289.000 euros en concepto de danos e prexuízos á empresa, segundo determina unha sentenza xudicial firme que recoñece que non se lle puido dar ás parcelas o uso previsto, posto que, por mor da creba da promotora, quedaron sen urbanizar. Ademais, a sentenza establece o pago duns 727.000 euros por parte do Concello para facerse coas dúas parcelas, aínda que este extremo está pendente de que o Tribunal Supremo decida se se produciu ou non un erro xudicial.

O alcalde, Xosé Luis García, explicou que “de momento pagamos a parte correspondente aos danos e prexuízos, pero non o valor das parcelas porque queremos que o confirme o Tribunal Supremo e tamén que a empresa nos poña os terreos a disposición ben acondicionados e libres de cargas”. García indicou que o Concello de Brión conta coa solvencia económica suficiente para facerlle fronte ao contido da sentenza. Ademais, descartou que o Concello venda nestes momentos as parcelas, dado que coa crise económica perderon gran parte do valor que tiñan.

A oposición concordou co goberno na necesidade de aprobar esta modificación de crédito, co propósito de evitar que os intereses de demora incrementen a contía se se pospón o pagamento. Tal como asegurou o portavoz do BNG, Xesús Pena, “o proxecto da urbanización era demasiado pretencioso e os tempos actuais son os que son”, de maneira que apostou por acollerse á sentenza xudicial.

Compra de contedores
Tamén por unanimidade, a sesión aprobou outra modificación de crédito, por valor de 34.000 euros, para afrontar a compra de contedores para residuos sólidos urbanos. Esta cantidade é a que lle corresponde ao Concello de Brión para cumprir un acordo recente da Mancomunidade de Concellos Serra do Barbanza.